miércoles, 7 de enero de 2009

REMATAN AS FESTAS... PROPÓSITOS DE ANO NOVO


Os pequerrechos da casa están aínda lamentando a marcha do gordo vestido de vermello, xa de volta cos seus renos camiño das frías terras; contáballe hoxe ó fillo duns amigos que me preguntaba polos Reis que din que os viron abandonar a Península camiño de Oriente cos seus camelos xa case diabéticos (de tantos doces e vasos de leite que lles deixaron el e os seus compañeiros de parvulario; menos mal que sempre quedan eles para manter a ilusión e seguir crendo nos soños!!)

Os adultos están a día de hoxe lamentándose dos quilos collidos, xurando ir ó ximnasio... "o luns" e facendo números que expliquen onde raios marchou a extraordinaria. E entre todos estes pensamentos que deixan xa lonxe a festa e o "jolgorio" miran de esguello ó despertador que lles recorda que volve a rutina de todos os días.

Os meus alumnos confío que se lles pasara xa a resaca dese -para algúns- primeiro fin de ano e que mañán veñan cheos de enerxía para facer honor á frase ben coñecida de "ano novo, vida nova". Espero que os sempre optimistas propósitos de ano novo se cumpran (eses de non volverei deixar todo para o domingo a tarde", non enfadarei ós meus pais con tanta frecuencia", non farei o simpático na clase de [...]", ..., non copiarei os traballos da rede", deixarei de visitar o Tuenti en clase de TIC",...)

Pola miña parte, despois de pasar dúas semanas tentando recuperar as horas de sono de final de curso, ordenar os apuntes, ir de cea en cea, visitar aquel que hai 2 meses lle dixera que o chamaba "mañán" e comer máis do necesario na casa dos avós fixen tamén os meus propósitos para este 2009. Quero: corrixir as cousas ó día, tentar traballar máis, non preparar as clases o domingo á tarde, mimar un pouco máis ós pequenos da miña titoría, tentar propoñer actividades o máis entretidas posibles e ser un pouco máis estricta nas datas de entrega -pois ser flexible non serviu de moito-.
Seguro que moitas destes propósitos quedarán ó 50% pero sobre todo espero que cando acabe o ano siga dicindo que teño o mellor traballo do mundo, o que sempre quixen facer.

Espero que entre todos o trimestre transcorra sen sobresaltos, enfados ou decepcións.

1 comentario:

Anónimo dijo...

La culpa de todo la tiene Yoko Ono digo... Novás XDXDXDXD toma spam:
http://alkampocity.blogspot.com